
Xornalista multimedia, traballa en Londres para o Servizo Mundial da BBC dende 2004 cubrindo noticias internacionais. Fixo reportaxes en Iraq, Cisxordania, Estados Unidos e Ecuador, entre outros países, e foi correspondente en México durante 2010. Naceu en Vigo en 1978 e estudou Ciencias da Información na Universidade de Santiago de Compostela. Vive no Reino Unido dende 1999.

A Veiga (Asturias), 1981. Viviu en Londres dende 2006, despois de pasar por Italia e Alemaña. Dende setembro do 2012 vive en Glasgow. Como novelista, a súa obra acadou recoñecementos como o premio Terra de Melide de Novela (A Veiga é como un tempo distinto, Xerais, 2011) ou o premio Narrativas Quentes (Organoloxía, Edicións Positivas, 2010). Como musicóloga, especialízase na historia política da música baixo o Franquismo e no exilio; tras obter o doutoramento na Universidade de Londres, traballou na Royal Academy of Music e na Open University, e actualmente faino na Universidade de Glasgow.

Nacida no 1971 na cama da súa bisavoa. En 1995 mudou os aires de Vigo polos de Londres, onde leva xa case unha década traballando para o London Underground. En Vigo estudou Informática de Xestión, Inglés, Francés, Italiano e Portugués. En Londres estudou Belas Artes, Deseño e Fotografía.

Vila de Cruces, 1978. Leva máis de seis anos vivindo en Londres, a onde chegou, tras estudar Ciencias da Información e traballar na TVG durante catro anos, para facer realidade un soño: aprender inglés. Neste tempo desempeñou diversos traballos de atención ó cliente e na actualidade é recepcionista nun bloque de oficinas.

Naceu en Vigo en 1985. Despois de licenciarse en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, chegou a Londres en 2007 para estudiar un máster en dirección de cine na London Film School. Graduouse como directora coa curtametraxe Illa Pedra, acadando premios no Bragacine (Portugal) e o Festival Internacional de Ourense. Tamén participou en rodaxes, como operadora de cámara, en Italia e Marrocos, entre outros países.
Naceu na Coruña en 1936 e estudou Filosofía e Letras en Santiago e na Universidad Central de Madrid. Viviu en Londres de 1964 a 2008, ano no que se trasladou a Lancaster. Foi cofundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres en 1970. É tradutora nunha organización internacional e ensinou tradución en cursos de posgrao de dúas universidades londinenses. Ten publicados varios libros de ensaio (Cartas a Rosalía, Introducción á Astroloxía, Dentro e Fóra) e traducións (Contos de Andersen, Alicia no País das Maravillas, Alicia do outro lado do espello, Fábulas de Ésopo). Á tradución de Alicia no País das Maravillas, feita en colaboración con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, concedéronlle o premio nacional de tradución de libros xuvenís do Ministerio de Cultura de Madrid en 1985. É correspondente da Real Academia Galega dende 2002.

A Coruña, 1969. Vive en Londres dende o ano 1995. Licenciado en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid, traballa actualmente como deseñador e productor de proxectos dixitais e de comercio electrónico.